Sunday 28 de April de 2024

Alternativa de Bergondo reclama melloras de seguridade viaria á Deputación en Lubre


Na estrada provincial DP0812, que cruza parte do noso municipio (na parroquia de Lubre) e o veciño de Sada véñense sucedendo unha importante sucesión de accidentes de tráfico que deberan facernos reflexionar sobre se esa estrada merece -por parte da administración que exerce a súa titularidade, a Deputación da Coruña- un estudo do que está a pasar e se procede a hipotética adopción das medidas correctoras que resulten máis acaídas para reducir o problema. Non semella que detrás das causas de tanto accidente estean nin o estado da vía nin o trazado da mesma. Todo apunta, ao noso entender, que a causa fundamental hai que buscala no exceso de velocidade habitual dos vehículos que transitan por esta vía. Dende o noso punto de vista esta DP0812 é a día de hoxe unha das estradas máis perigosas das que forman a nosa rede viaria xeral.

En vista do cal, Alternativa dos Veciños de Bergondo propoñerá ao pleno da corporación instar á Deputación da Coruña (Servizo de Vías e Obras) a que estude con atención o que está sucedendo nesta estrada e, se é o caso, adopte as medidas correctoras que se estimen máis pertinentes, ou, de ser tamén o caso, se solicite a intervención habitual na zona por parte da garda civil de tráfico.